5 PLANS DE SEMANA SANTA EN VIGO

Turismo de Vigo

Un Vigo de mar:

Queres saber como unha pequena vila mariñeira se converteu na urbe máis grande e cosmopolita de Galicia? Convidámoste a coñecer a nosa historia a través das salas e vitrinas do Museo do Mar e do Museo da Industria Conserveira. Elas contaranche todos os segredos dun Vigo nacido e transformado polas súas augas.

Se queres empaparte da esencia dun auténtico barrio mariñeiro, achégate a Bouzas. As súas rúas empedradas, o seu porto e as súas xentes atraparante nada máis chegares. Pide unha tapa de sardiñas e proba un licor tradicional nalgunha das tabernas que hai na zona antiga ou no porto.

E, por suposto, non marches sen percorrer o Paseo dos Peixes mentres o sol se pon na ría de Vigo.

Un Vigo de natureza:

Un non sabe o que é gozar da natureza en estado puro ata que chega ás illas Cíes. Un lugar perfecto tanto para pasar o día en familia como para esquecer o mundo perdéndose nalgunha das súas marabillosas calas.

Podes chegar en transporte regular de viaxeiros ou alugando a túa propia embarcación. Se cadra, a algún dos arroaces que viven na nosa ría igual lle dá por escoltarte na túa viaxe ás illas... Tamén podes pasar uns días de acampada, facer unha ruta de sendeirismo ou practicar o submarinismo entre paisaxes mariñas únicas.

Un Vigo de cultura:   

Desde impresionantes edificios modernistas ata xacementos arqueolóxicos, pasando por rúas empedradas, igrexas románicas, pazos señoriais, fortes defensivos ou incribles monumentos como o "Sireno".

E non hai mellor maneira de percorrer o Vigo máis monumental que perdéndose polas súas rúas. Vigo ofréceche diferentes posibilidades de rutas urbanas autoguiadas para descubrires a cidade dun xeito independente e adaptado ás túas necesidades.

Se tes poucas horas ou viaxas con rapaces e queres coñecer o máis destacado da cidade, o Bus Turístico é unha excelente alternativa. O seu sistema de locución en varios idiomas permitirache escoitar información dos imprescindibles de Vigo: o miradoiro do Castro, o parque de Castrelos, a praia de Samil ou as lonxas de peixe, entre moitos outros.   

Un Vigo de luxo:

Durmir nun pazo á beira do mar? Gozar nun spa no centro da cidade? En Vigo é posible

Tamén poderás sobrevoar a cidade en helicóptero ou en globo, navegar pola ría de Vigo nun coqueto veleiro ou facer un percorrido turístico viaxando en coche de alta gama.

E antes de volveres ao hotel, nos nosos restaurantes porán na túa mesa o mellor da gastronomía galega. Desde unha boa mariscada ata as nosas deliciosas carnes. Todo acompañado polos excelentes viños das Rías Baixas. Ti elixes.

Un Vigo de aventura:

Nada mellor para esquecer a rutina cotiá que liberar un chisco de adrenalina. En Vigo poderás vivir o deporte de aventura sen ter que saír da cidade. Practica o skate en Samil, atrévete co surf, pasa unha tarde de paintball cos rapaces ou fai un percorrido en quad coa túa parella.

E para recuperar forzas, unha ruta de tapas ou de viños polo barrio histórico da cidade: desde a praza da Constitución ata os arredores da concatedral, polos Cesteiros ou a rúa Real ata Teófilo Llorente...