Vigo en 60 minutos

Descubre o centro da cidade cun relaxado paseo dunha hora

Vigo é a maior cidade de Galicia, pero é posible coñecer gran parte do seu pasado, presente e futuro nunha ruta dunha hora a pé. Este paseo por Vigo en 60 minutos comeza en pleno centro, na confluencia das rúas Urzáiz e Príncipe, cuxo farol, deseñado por Jenaro de la Fuente en 1932, é un dos puntos de encontro habituais dos vigueses.

Desde o farol vemos a silueta branca do MARCO, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, un edificio que foi cárcere e xulgado e que agora alberga as propostas culturais máis modernas. É a entrada á rúa do Príncipe, a zona de compras máis popular da cidade, que debe o seu nome a Afonso XII.

Seguindo a ruta por esta rúa peonil ata o final chegamos á Porta do Sol. Chámaselle porta, aínda que xa non hai ningunha, porque era unha das 7 entradas á antiga vila amurallada. Xusto aquí encontramos O Sereo, escultura do galego Francisco Leiro, que representa a unión dos vigueses co mar a través dun híbrido de home e peixe, un dos símbolos da cidade.

De fronte, cruzando a rúa, atopamos a Praza da Princesa, onde antigamente se celebraba o mercado de peixe. A fonte, chamada do Anxelote, conmemora a Reconquista de Vigo, cando en 1809 se expulsou as tropas napoleónicas, converténdose na primeira cidade española en sublevarse contra o invasor. A valentía do pueblo foi recompensada co título de cidade, e desde entón cada 28 de marzo celébrase a Festa da Reconquista.

A zona de Vigo na que máis se respira a Reconquista é o barrio histórico, en cuxas rúas se viviron as batallas. Desde a Praza da Princesa seguimos ruta ata a Praza da Constitución, onde está o antigo concello, hoxe sede da Casa Galega da Cultura. Aquí, podemos admirar os soportais das edificacións do século XIX que ocupaban os artesáns para vender os seus produtos. O farol do centro da praza é a primeira de luz eléctrica que se acendeu na cidade.

Baixando polo lateral esquerdo da praza, atopamos a Rúa dos Cesteiros, onde aínda quedan obradoiros de artesáns, e chegamos á Praza de Almeida, onde está a Casa de Ceta, do século XV, a máis antiga da zona histórica e hoxe sede do Instituto Camões da lingua portuguesa. A praza lembra ao tenente luso Almeida, que axudou aos vigueses a reconquistar a súa cidade.

Á dereita desta praza está a Colexiata de Santa María que alberga a imaxe do Cristo da Vitoria, ao que se atribúe popularmente o triunfo sobre as tropas francesas. Xusto debaixo está a Praza da Pedra, na que, nos séculos XVI y XVII, os vigueses se reunían para resolver as súas disputas. Alí, onde termina o noso paseo, podemos axexar nos comercios ou rematar a ruta degustando as ostras da ría na Peixaría.

Pistas e recomendacións: 

A rúa detrás do Marco, a rúa Londres, agocha unha terraza con parede de hedra perfecta para tomar algo. Xa no barrio histórico, atoparemos infinidade de locais, sobre todo na Praza da Constitución.

 O Marco abre todos os días do ano agás os luns e é gratuíto.

As ostreiras da Pedra están todas as mañás do ano, e tamén tardes e noites de verán.

Galería de imaxes: 
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo

Información práctica

Distancia: menos dun quilómetro.

Duración do percorrido: unha hora de paseo con paradas.

Dificultade: sinxela.

Tipo de ruta: non circular.