Por que Vigo

Hai mil razóns polas que Vigo é un destino turístico único dentro de España. Nova aínda nos circuítos tradicionais do turismo de vacacións e do turismo de congresos e incentivos, Vigo posúe todas as características necesarias para que siga consolidando a súa carreira como polo vital do turismo en Galicia:

1) Localización privilexiada. A súa situación xeográfica confírelle un papel estratéxico no turismo do noroeste peninsular e as súas infraestruturas de transporte convértena no eixo en torno ao que pivota a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

2) Cidade de negocios. Vigo é a maior cidade de Galicia, o seu motor económico e o centro urbano das Rías Baixas, un dos destinos turísticos que máis creceu nos últimos anos e con maior recoñecemento a nivel estatal e internacional. En Vigo celébranse algunhas feiras sectoriais de referencia a nivel internacional como Conxemar, Navalia ou o Salón do Automóbil, entre outras.

3) Infraestruturas modernas. Aos encantos innatos e ás súas numerosas vías de comunicación hai que sumar a infraestrutura turística da propia cidade. Os aloxamentos son numerosos, de todas as categorías e estilos imaxinables e orientados a todo tipo de hóspede, desde o urbano ata o de natureza. Xunto a eles, a cidade conta cunha inmellorable rede de espazos socioculturais, desde museos a espazos para eventos de todos os tamaños.

4) Conexións nacionais e internacionais. Vigo e Madrid sempre tiveron unha estreita relación económica e cultural. Ambas as cidades seguen conectadas por avión, tren e excelentes estradas. Pero Vigo, co seu emblemático aeroporto de Peinador, é unha cidade aberta a todos e mantén conexións aéreas coas principais capitais españolas como Barcelona, Sevilla ou Bilbao, e con Europa.

5) Clima suave. O microclima de Vigo é unha excepción dentro de Galicia e case de España, aínda estando no norte é unha das cidades con máis días despexados do país. Vigo vive nunha transición de clima mediterráneo-oceánico, con temperaturas suaves, con máximas que en verán achéganse aos 25 grados e que en inverno non baixan dos 6.

6) Para todos os petos. Desde o aloxamento ata a fabulosa gastronomía ou o ocio, é posible gozar de Vigo con calquera orzamento. Hai plans de luxo para os máis sibaritas e tamén opcións accesibles para viaxar en familia ou para os máis novos.

7) Grande pero manexable. Os seus 300.000 habitantes e os seus 110 km² convértena na cidade máis grande de Galicia na que non hai que renunciar á comodidade e as distancias curtas para gozala cada día. Acolledora, flexible e manexable, Vigo é unha  cidade para visitar e, sobre todo, unha cidade na que vivir.

8) Cidade segura. Os índices de criminalidade en Vigo son inferiores aos da media española para cidades de máis de 150.000 habitantes, e así o perciben tamén quen visita a cidade. A taxa continúa en descenso, no último ano nun 33%. Isto reflíctese nas animadas rúas da cidade, e nunha intensa pero segura vida nocturna.               

9) Natureza virxe. A pesar de ser unha gran cidade industrial, Vigo presume do luxo de ter un contorno natural practicamente virxe, con grandes parques forestais, rutas de sendeirismo, un tramo do Camiño de Santiago portugués pola costa e espazos naturais únicos en España como son as Illas Cíes, no Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas.

10) Cidade de costa. A espectacular ría de Vigo, a máis meridional e de maior calado das Rías Baixas, é o elemento vital da cidade. Sempre presente, o visitante pode gozar das súas espléndidas vistas desde case calquera punto de Vigo e deitarse nalgunha das súas longuísimas praias de area a contemplar o fermoso horizonte Atlántico.