Mención especial merecen os viños e licores da nosa terra.
Os VIÑOS prodúcense en case calqueira parte de Galicia, pero fundamentalmente na parte sur. Existen cinco denominacións de orixe:
Tanto os tintos coma os brancos son de excelente calidade e axudan a realzar os pratos da nosa gastronomía.
En canto a LICORES destacamos a augardente, tanto branca como de herbas, o licor café ou a crema de oruxo. Pero a raíña é, sen dúbida, a queimada: dixestiva, tradicional e máxica.
Elaboración da queimada: nun recipiente de barro, vertemos augardente branca e engadímoslle o azucre, grans de café e codias de limón e outras froitas -ao gusto-. Préndeselle lume e vaise removendo devagar cun cullerón até que se consuma o azucre, á vez que se recita o famoso “conxuro da queimada”:
Mouchos, coruxas, sapos e bruxas.
Demos, trasnos e diaños, espíritos das neboadas veigas.
Corvos, píntegas e meigas, feitizos das menciñeiras.
Pobres cañotas furadas, fogar dos vermes e alimañas.
Lume das Santas Compañas, mal de ollo, negros meigallos, cheiro dos mortos, tronos e raios.
Oubeo do can, pregón da morte, fouciño do sátiro e pé do coello.
Pecadora lingua da mala muller casada cun home vello.
Averno de Satán e Belcebú, lume dos cadáveres ardentes, corpos mutilados dos indecentes, peidos dos infernais cus, muxido da mar embravecida.
Barriga inútil da muller solteira, falar dos gatos que andan á xaneira, guedella porra da cabra mal parida.
Con este fol levantarei as chamas deste lume que semella o do inferno, e fuxirán as bruxas a cabalo das sas vasoiras, índose bañar na praia das areas gordas.
¡Oíde, oíde! Os ruxidos que dan as que non poden deixar de queimarse na augardente, quedando así purificadas.
E cando esta beberaxe baixe polas nosas gorxas, quedaremos libres dos males da nosa alma e de todo embruxamento.
Forzas do ar, terra, mar e lume, a vós fago esta chamada: se é verdade que tendes máis poder que a humana xente, aquí e agora, facede cos espíritos dos amigos que están fóra, participen con nós desta queimada.