Bogavante (Homarus Gammarus)
O bogavante é o crustáceo máis grande que existe. Ten un corpo de cor azul escura con sete aneis no abdome que acaba en dúas potentes pinzas desiguais. O seu crecemento é moi lento e a súa alimentación componse de sepias, luras, polbos, etc. Vive en zonas rochosas ou cantís e captúrase normalmente con nasas especiais.
Boi (Cancer Pagurus)
Crustáceo de corpo ovalado e liso de cor castaña avermellada. A cuncha mide de 10 a 25cm de longo e pode chegar a pesar máis de 3 quilos. Ten 5 pares de patas, o primeiro par con dúas pinzas; o abdome é menos avultado no caso dos machos. Aliméntase de invertebrados e estrelas de mar. Habita sobre todo en fondos areosos e rochosos.
Camarón (Palaemon Serratus)
O camarón é un crustáceo da orde dos decápodos. Ten un corpo case transparente, de cor verde ou castaña, e varias bandas escuras no abdome. O seu tamaño medio adoita ser de 10cm de lonxitude. Habita sobre todo en zonas rochosas e areosas pouco fondas e preto da costa, onde se alimenta de plantas e pequenos animais. Péscase sobre todo con nasas e truel.
Centola (Maia Squinado)
Crustáceo decápodo de cuncha grosa. Vive moi preto da costa, en fondos rochosos e areosos. As galegas son de cor parda con pequenas algas adheridas que cobren a súa cuncha e longas patas con lanuxe. Teñen unha carne xugosa e branda. O seu período de veda é na tempada estival. Adóitanse apresar con nasas ou mediante mergullo.
Centolo (Maja Brachydactyla)
Crustáceo decápodo cuxa cuncha, de cor vermella parda, está cuberta por unha especie de espiñas que teñen adheridas algas, esponxas… que lles serven de camuflaxe. É redondo pola parte de atrás e triangular pola de diante. Con cinco pares de patas, aliméntase sobre todo de estrelas de mar, algas, ourizos… Pode chegar a pesar máis de 4 quilos. O abdome do macho é menos avultado ca o da femia. Vive na costa en fondos rochosos ou areosos.
Cigala (Nephrops Norvegicus)
Crustáceo decápodo de tamaño medio (de 20 a 24cm de lonxitude). A súa cuncha é de cor rosada con acentuacións avermelladas e manchas brancas. Ten unha cabeza longa, espiñas laterais e pinzas nas dúas patas dianteiras. Aliméntase de anélidos, moluscos e peixes mortos. Vive entre 50 e 700m de profundidade, en fondos de area e lama. Péscase mediante o arrastre ou con nasas.
Lagosta (Palinurus Elephas)
Crustáceo con corpo robusto de cor vermella ou violeta parda, con manchas amarelas no abdome. O seu tamaño adoita ser de 23cm. Aliméntase de algas, moluscos, restos orgánicos, etc. Vive normalmente en fondos rochosos, areosos ou lamacentos. A súa captura faise de forma artesanal con nasas especiais.
Lagostino (Penaeus kerathurus)
Crustáceo decápodo que habita en augas fondas. A cor da súa cuncha varía dentro da gama dos rosáceos e castaños. Algunha especie posúe no abdome unha serie de bandas transversais, que son máis claras nos machos ca nas femias. Pertence á misma familia da gamba e do camarón.
Nécora (Macropipus Puber)
Crustáceo cunha cuncha de cor parda vermella, de forma hexagonal. Machos e femias distínguense pola forma do seu abdome, triangular no caso dos machos e máis ancho e arredondado no das femias. As patas dianteiras teñen forma de pinzas e as traseiras de pala para facilitar o seu desprazamento pola auga. Vive en fondos rochosos e de area con cascallo até os 70m de profundidade. Captúrase polas noites, sobre todo con nasas pero tamén con outras artes de pesca como o trasmallo ou o bou de vara.
Percebe (Pollicipes Pollicipes)
Crustáceo composto por un pedúnculo carnoso recuberto por unha pel de cor negro e acabado nunha uña formada por varias placas (un máximo de 25). Vive fixado nas rochas, ben por riba do nivel do mar (os máis apreciados) ou debaixo da auga, formando grupos. Aliméntase das partículas en suspensión da auga.
As persoas que os recollen das rochas son os chamados “percebeiros”; tratase dun oficio moi perigoso ao ter que subtraelos en zonas acantiladas e cun mar moi axitado. Empregan unha “raspa” ou “raspeta” para desprendelo das rochas.