Unha cidade todo un mundo
Gastronomía

GASTRONOMÍA E CULTURA

NATUREZA E DEPORTES

PROFESIONAL

Moluscos

Ameixa babosa (Venerupis Pullastra)

Molusco de cor pálida ou crema. Aliméntase filtrando a agua do mar mediante un sifón que está unido en toda a súa lonxitude, o que a diferencia das outras clases de ameixas existentes. Viven soterradas a unha profundidade de entre 25 a 30cm. Péscase con raño dende pequenas embarcacións ou a pé con sacho. Esta clase é a máis delicada de todas; para o seu cultivo é necesario o coidado dos fondos, o control dos depredadores, a eliminación de algas, estrelas de mar…

Ameixa fina (Tapes Decussatus)

Molusco cuxa cuncha posúe unhas liñas en forma de radios e outras concéntricas que forman uns característicos cadradiños. A súa cor depende do sustrato onde se críe. Viven soterradas a unha profundidade de entre 15 a 30cm.  Captúranse a pé con sacho, con “cucas” ou localizando os buratos que deixan os sifóns na area. O seu cultivo realízase en parques apropiados para o seu cultivo ou en bancos naturais de area.

Ameixa xapónica (Tapes Philippinarum)

Molusco cuxa cuncha posúe unhas estrías moi marcadas e dous sifóns unidos até a metade, o que a diferencia dos outros tipos de ameixa; a súa cor adoita ser escura. O seu crecemento é moi rápido o que fai que o seu prezo no mercado sexa máis baixo ca nos outros casos.

Berberecho (Cerastoderma Edule)

Moluscos con cuncha de forma case circular en forma de corazón que posúen unhas costelas ben marcadas. Viven en fondos lamacentos e de area fina próximos á costa. Aliméntanse de plancto mariño e a súa captura faise a man con angazo ou sacho ou ben con rastro a flote.

Mexillón (Mytilus Galloprovincialis)

Molusco bivalvo con dúas cunchas iguais de forma triangular, arredondadas nun extremo e de cor negra. A súa carne é de tons alaranxados. Atópanse en zonas de pouca profundidade. O método tradicional de cultivo do mexillón é en bateas. Colócase a semente do mexillón sobre unhas cordas que se penduran dunhas plataformas flotantes (as bateas), onde se manterán completamente mergulladas até conseguir o seu peso. O mexillón comercializado anualmente en Galicia supón máis da metade da produción mundial do cultivo deste molusco.

Navalla (Ensis Arcuatus)  

Molusco bivalvo que posúe unha cuncha arqueada en forma de navalla coa superficie brillante. Aliméntase de plancto. Viven soterradas na area, polo que se capturan mediante mergullo a pulmón ou cun sistema máis tradicional, como é o de botarlles sal no burato que deixan na area cando están soterradas. No mercado podémolas atopar de moi diversas maneiras: frescas, envasadas ao baleiro, en conserva... 

Ostra (Ostrea Edulis) 

Molusco bivalvo de forma variable pero que adoita ser arredondada, con dúas cunchas desiguais, unha cóncava e outra plana. O seu tamaño é de entre 6 e 9cm. Aliméntase de fitoplancto e algas microscópicas. Vive nas rochas ou soterrada na area. O seu cultivo é similar ao do mexillón, en batea. 

Vieira (Pecten Maximus) 

Molusco bivalvo cunha cuncha cóncava e outra plana con dúas pequenas aletas simétricas situadas no vértice da cuncha. Aliméntase de fitoplancto e partículas orgánicas en suspensión. Captúranse cun aparello de pesca chamado “rastro da vieira”. O nome científico da vieira galega é “Pecten jacobaeus”. Son coñecidas por ser o símbolo dos peregrinos que fan o camiño de Santiago.  

Zamburiña (Chlamys Varia) 

Molusco bivalvo parecido á vieira pero máis pequeno. A súa cuncha está formada por dúas valvas abombadas. Adoita ser de cor violácea e atópanse normalmente pegadas ás pedras, polas que se desprazan buscando alimentos, en zonas costeiras até os 80m de profundidade. Aínda que está comezando a ser cultivada en bateas, a maioría aínda se captura dende embarcacións.

Turismo de Vigo - Plaza do Rei nº 1 - Vigo   - (+34)986810100 - Mapa web