Rías Baixas: este viño elabórase no sur da provincia de Pontevedra, zona de clima atlántico, con temperaturas suaves ao longo de todo o ano. A variedade de viño máis empregada é o Albariño. O viño branco resultante é un dos máis coñecidos e aprezados fóra da nosa comunidade, de cor amarela palla e cun aroma afroitado moi característico.
Monterrei: viños do sur da provincia de Ourense, zona que posúe un pequeno microclima mediterráneo, con temperaturas moi altas e veráns moi secos que inflúen de forma decisiva nas características do viño. Na súa elaboración utilízanse variedades autóctonas como Godello, Treixadura, Mencía... Elabóranse tanto viños brancos coma tintos, aínda que os brancos son de máis calidade.
Ribeira Sacra: a denominación de orixe outorgóuselle en 1997. O viño tinto elaborado é na súa maioría da variedade Mencía, aínda que existen outras variedades como o Godello ou o Albariño. É de cor cereixa intensa. Xa os romanos cultivaban viño nesta zona de alto valor paisaxístico e histórico.
Ribeiro: esta denominación está situada ao noroeste da provincia de Ourense e conta con máis de 2600 hectáreas de viñedos. O clima húmedo e con temperaturas mornas axuda a elaborar viños, tanto tintos coma brancos, de elevada calidade. A variedade máis empregada na súa elaboración é a Treixadura, coa que se conseguen viños moi aromáticos e de sabor intenso, duns 13º.
Valdeorras: é unha das denominaciós de orixe máis antigas de Galicia. Constituída en 1977. Estes viños elabóranse ao nordés da provincia de Ourense con variedades Godello e Mencía. O clima e a calidade do solo confírenlle a estes viños, tanto brancos coma tintos, unhas características moi especiais en canto ao seu aroma e cor.