Unha cidade todo un mundo
Natureza

GASTRONOMÍA E CULTURA

NATUREZA E DEPORTES

PROFESIONAL

Tramo II GR53: A Garrida (embalse) - Puxeiros

  • ACCESOS: Estrada PO 331 (O Porriño-Gondomar) ou PO-2603 no Alto de Puxeiros (Mos)
  • LONXITUDE: O tramo principal 14km aprox. e 10km a variante GR-53.2
  • DIFICULTADE: MEDIA-BAIXA o treito principal; MEDIA-ALTA a variante GR-53.2
  • TEMPO APROXIMADO DE  PERCORRIDO: 5h o treito principal; 3h.15´a variante

Desde o embalse da Garrida, onde comeza este segundo treito, cruzamos a estrada PO-331 para xirar á man esquerda, dirixímonos en ascenso por un vieiro tupido e estreito cheo de vexetación, até chegar ao lugar da Fraga na parroquia de Gondomar.

Aquí atopamos a encrucillada co GR53.2; nós imos seguir o treito principal, pola marxe dereita do río Zamáns, ata o muíño coñecido como Muíño das Maquías e o embalse de Zamáns que atopamos un pouco máis adiante. Desde aquí continuamos o itinerario para volver cruzar a PO-331, ascendendo por sendeiros en zigzag e atravesando unha zona de piñeirais até o Campus Universitario de Vigo. Moi preto atopamos o parque forestal de Beade, que é un miradoiro natural desde o que se contempla unha fantástica panorámica da Ría de Vigo, contando ademais con numerosos servizos como mesas, barbacoas, servizos sanitarios e bar.

Subimos agora até a Pedra da Cruz onde se une este treito coa variante GR53.2 á dereita, ou ben seguimos o treito principal -á esquerda- descendendo até o Círculo Mercantil, onde podemos ver un dolmen en aceptable estado de conservación. Continuamos o percorrido, entre pistas que discorren polos lindes dos municipios de Mos e Vigo, até acceder a unha estrada que cruza por riba da AP-9, tras a que xiramos cara á esquerda para subir ao Parque Forestal de Cabral, tamén con servizos sanitarios, bar, mesas, barbacoas e un miradoiro. Pasamos finalmente polo Rebullón e por unha estrada á man dereita, chegamos a Puxeiros onde finaliza este segundo treito.

VARIANTE GR 53.2

Partimos da Fraga onde tomamos esta variante á man dereita. Condúcenos por pistas e vieiros de terra, de forte pendente ascendente, cara á Serra do Galiñeiro, o punto máis alto de todo o percorrido (550m). Este percorrido discorre por unha zona para facer escalada polas súas fortes pendentes. Chegando á encrucillada de Coto Mediodía -na serra do Galiñeiro- seguimos pasando varias encrucilladas de pistas forestais até o lugar de Casal de Abalde; desde alí, ao Parque Forestal de Zamáns, ao barrio de Cidáns e, ascendendo novamente, até a Pedra da Cruz, onde acaba esta variante ao se unir novamente co trazado principal.

Turismo de Vigo - Plaza do Rei nº 1 - Vigo   - (+34)986810100 - Mapa web