Comezamos no Alto de Puxeiros e, a través dunha estrada e un bosque de piñeiros, chegamos ao lugar da Becerreira. O sendeiro continúa pasando por máis bosques de piñeiros e unha plantación de árbores mozas como castiñeiros, cerdeiras, etc., até o Parque Forestal de Cotogrande. Iniciamos o ascenso cara ás Laxes (á esquerda existe un depósito de auga) e segue a ruta pasando a carón do recinto feiral IFEVI, pasa agora por unha área de descanso moi próxima ao aeroporto de Vigo na cal podemos atopar un muíño restaurado recentemente e unha fonte.
Un pouco máis adiante pasamos polo barrio do Ameal, onde se atopa o nacemento do río Lagares, nunha pequena lagoa. Xirando á esquerda, ascendemos por un camiño asfaltado até o Parque Forestal do Carballal (unha zona verde na cal descansar). Un pouco máis adiante, xiramos á dereita, iniciando o ascenso por unha pista cara ao Parque Forestal do Vixiador, un fantástico miradoiro sobre a Ría que nos ofrece ademais unha área de descanso con mesas, barbacoas, bar, fontes...
Tras pasar a cafetería do parque, xiramos á dereita para continuar uns metros e xirar á esquerda. Por unha pista forestal chegamos a Coto de Ferreira; seguimos á esquerda para descender até chegar ao cemiterio de Candeán, lugar onde hai numerosos restos arqueolóxicos: mámoas.
Por último chegamos á Madroa, onde se atopa o Parque das Ciencias, único zoolóxico de Galicia. Nesta zona podemos subir ao miradoiro da Madroa, coñecer os numerosos restos arqueolóxicos existentes e gozar dunhas boas vistas da Ría de Vigo.