Empanada de zamburiñas

A empanada galega é o pastel salgado tradicional de Galicia. Admite todo tipo de recheos, pero en Vigo é obrigado probar os de produtos do mar. Polbo, chocos, mexillóns, sardiña ou… zamburiñas!

Ingredientes da empanada de zamburiñas: fariña, 1 ovo, sal, lévedo, aceite e auga tibia. Recheo: zamburiñas, pementos verdes, cebola, tomate, aceite, sal, viño branco, loureiro e pemento moído doce.

Masa da empanada: agregamos 1 ovo, sal, lévedo liofilizado, auga e un chorriño de aceite de oliva (ou unhas culleradiñas da salsa do recheo ). Mesturamos pouco a pouco cunha culler de pau e a continuación comezamos  a amasar a man sobre unha superficie lisa, ata conseguir unha masa suave, elástica e non pegañenta, engadindo algo máis de auga ou fariña se fixese falta. Formamos  unha bóla e deixámola repousar tapada 1 hora, xusto antes de usala.

Recheo da empanada: limpamos e lavamos ben as zamburiñas, retiramos as súas cunchas e escorremos. Picamos as hortalizas miúdas, reservamos o tomate e refogamos en aceite a fogo suave. Cando o guiso estea a medio facer, salpimentámolo, engadímoslle o tomate pelado e picado e deixámolo facerse ata que todo estea pochado. Engadimos entón un chisco de pemento moído doce, as zamburiñas e dámoslle unhas voltas refogándoo un pouco. Deixamos arrefriar antes de usalo na empanada.
 

Cortamos a masa en dúas, cun rodete estirámola ben e axustámola nun molde. Colocamos o recheo ben repartido. Cubrimos coa outra metade da masa e recortamos o sobrante. Cerramos a empanada presionando e trenzando o borde e facemos un burato no centro para que respire.

Cun pincel pintamos a masa con xema de ovo e enfornámola en forno prequentado durante 12 min. a 250⁰C.