Página 41 - Mar de Vigo

Versión de HTML Básico

As tapas son sempre unha opción que se debe ter en conta en
calquera dos barrios da cidade. No Casco Vello, desde a Praza da
Constitución ata o porto. Nas Travesas, nos arredores da Praza da
Independencia e da praza da América. No barrio de Casablanca
podemos deixarnos guiar polo olfacto cara as tabernas e os
mesóns segundo baixamos pola rúa México. En Bouzas, arredor da
Praza de Abastos. No Calvario debemos avanzar polas canellas
adxacentes a Urzáiz. En Teis, podemos tomar como referencia a
rúa Sanjurjo Badía, a partir do mercado do Toural.
Practicamente en todos os barrios hai zonas de tapas: polbo, luras,
peixiños fritos (xoubas ou chinchos) acompañados de pementos
de Padrón cando é a tempada, callos, chocos da ría, empanadas...
Máis aló, á tardiña baixo as parras ou nos parques forestais, as
brasas encárganse de ofrecer repertorios tan deliciosos como as
sardiñas asadas e o churrasco de porco e de tenreira acompañados
de viños tintos frescos, lixeiramente acedos, do Ribeiro, de Rubiós
e de Barrantes. É o contrapunto popular á cociña máis refinada que
ofrecen os novos creadores da gastronomía galega.
41