10 plans ao aire libre imprescindibles

Turismo de Vigo
1.

Visita a praia de Rodas, “a mellor praia do mundo”

Se a túa idea de viaxe é mergullarte na natureza máis salvaxe, non te podes perder a visita á praia de Rodas nas Illas Cíes, a mellor praia do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Só se pode chegar en barco, o que converte a viaxe cara á desembocadura da ría de Vigo en toda unha experiencia. Máis de 1 km de praia rodeada de fondos mariños protexidos e nun contorno único, pero con todos os servizos que poidas necesitar.

Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
2.

Samil, a praia familiar de Vigo

En Vigo temos areais para todos os gustos, pero se viaxas a Vigo con nenos, a praia de Samil é imprescindible. Con máis de 1 km de longo, está provista con todo tipo de instalacións para que os nenos pasen un día inesquecible xunto ao mar: piscinas, tobogán, pistas de patinaxe, canchas de baloncesto, espazos verdes para un pícnic ou unha merenda, cafetarías e postos de socorrismo. Ademais, podes dar un paseo litoral desde Samil ata Bouzas ou cara ao río Lagares… aínda que só por ver o atardecer sobre as Cíes, xa que paga a pena.

Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
3.

Mergullar na ría

Gústache o submarinismo? A ría de Vigo esconde tesouros doutros tempos baixo as súas aguas… e tamén un rico ecosistema. Se queres coñecer a cara mergullada da cidade, non perdas a oportunidade de mergullar en Vigo: déixate guiar polos fondos da ría para coñecer a súa fauna submarina, ou ben en busca dos restos de naufraxios, como os lendarios galeóns de Rande.

Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
4.

Subir ao Monte Alba

Todos os parques forestais de Vigo merecen unha visita, pero a recompensa por alcanzar a cima do Monte Alba en Valadares é unha espectacular panorámica sobre a ría de Vigo. Tamén podes subir ao miradoiro do Cepudo, no mesmo parque forestal Monte Alba-Cepudo. Se ademais che gusta o sendeirismo, hai unha ruta de montaña en Vigo ben sinalizada que podes seguir para coñecer o contorno: máis de 20.000 m² de monte cunha espectacular variedade de especies autóctonas.

Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
5.

Coñecer o único zoo de Galicia

A visita a Vigozoo é unha experiencia imprescindible para os nenos en Vigo… e tamén para os adultos! Tigres, osos pardos, lobos, reptís… pero é moito máis que un mero espazo de exhibición. En Vigozoo desenvólvense unha infinidade de actividades para sensibilizar a nenos e adultos aprendendo da natureza, ademais de desenvolver actividades de investigación e recuperación de especies en perigo.

Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
6.

Percorrer o río Lagares ata as praias

O contorno natural de Vigo permite realizar innumerables rutas de sendeirismo. Unha das máis agradables é a que discorre xunto ao río Lagares, e que se pode continuar polas praias de Vigo ata Bouzas (Senda Azul), nun traxecto de algo máis de 8 km. Unha camiñada de 2 h entre árbores que desemboca no  mar. É un sendeiro de dificultade baixa, polo que podes facelo ao completo incluso se vés a Vigo con nenos, ou ben por tramos, xa que atravesa diferentes zonas urbanas.

Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
7.

Aprender a navegar en Vigo

A relación de Vigo co mar é única: podes chegar á cidade en barco, saír en cruceiro desde Vigo, alugar un barco con ou sen patrón… pero sabías que tamén podes aprender a navegar en Vigo? Moitas empresas de servizos náuticos ofrecen bautismos de mar, e nos clubs náuticos de Vigo hai cursos para todas as idades en diferentes modalidades. Non hai escusa para non gozar do mar en Vigo.

Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
8.

Correr a Vig-Bay

A Vig-Bay é perfecta para os amantes do deporte en Vigo: unha media-maratón popular que se realiza entre a praia de Samil en Vigo e a vila de Baiona no mes de marzo. No día da carreira córtase o tráfico para que os corredores completen o seus 21 km de percorrido sempre en paralelo á liña de costa. O ambiente é inmellorable e expoñente da gran afección que hai polo running en Vigo, reunindo a uns 4.500 participantes na súa última edición.          

Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
9.

Deportes urbanos en O´Marisquiño

Agosto é o mes do deporte urbano en Vigo, o festival O´Marisquiño organiza as probas máis espectaculares de diferentes disciplinas: Skate, BMX, MTB, parkour ou trial invaden o centro de Vigo acompañadas de música, arte urbano, festa e moita actitude.  Campións internacionais mostran os seus trucos nas ramplas instaladas no Náutico e o barrio histórico é atravesado por un imposible downtown…non deixes a túa bici ou a túa táboa en casa.

Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
10.

Descubrir as Cíes a pé

Visitar o Parque Nacional das Illas Atlánticas é unha inmersión en plena natureza. E que mellor que seguir as famosas rutas de sendeirismo de Cíes para descubrir grandiosas perspectivas, encontrar as praias máis escondidas, coñecer as especies de flora e fauna ou deixarse emocionar pola inmensidade do Atlántico desde algún dos seus faros.

Turismo de Vigo