Vigo Antigo

Introdúcete nas ruelas rodeadas de edificios históricos

Propoñémosche un breve paseo polo Vigo antigo, un percorrido de 2 km polas rúas do barrio histórico, no que descubrirás que Vigo agocha no seu centro un pasado tallado en pedra repartido en numerosos edificios centenarios. Esta ruta pola arquitectura do Vigo antigo permitirache vivir a historia de Vigo a pé de rúa.

O percorrido comeza no Peirao de Transatlánticos, xunto á oficina de información turística fronte á que aínda se poden observar, no chan, os restos subterráneos do que foi a muralla da cidade. Tras ascender ata a Praza da Princesa e a Porta do Sol, á dereita, desde o alto do Paseo de Afonso XII, vese a praza do Berbés. Ruando, chégase á parte baixa, á praza de soportais que era antes unha praia na que os pescadores amarraban as súas barcas. Alí aínda se poden ver as edificacións mariñeiras máis antigas da cidade.

Desde esa parte baixa, subimos pola rúa Real, salpicada de casas señoriais, como as de Bárcena, Pazos e Figueroa e, sobre todo, a Casa de Arines ou Ceta, a máis antiga e emblemática do barrio histórico de Vigo, do século XV, hoxe sede do Instituto Camões da lingua portuguesa.

Xusto antes de chegar ao final da rúa Real, un pequeno xiro á dereita condúcenos á estreita rúa dos Cesteiros, chea de artesáns. E tras desembocar na Praza da Constitución, que alberga o edificio do antigo Concello, volve a descender pola esquerda cara á Colexiata, a principal igrexa da cidade. Desde alí vese o final do percorrido: o Peirao de Transatlánticos. Desde este punto, é posible apreciar parte da cidade e da ría, grazas ao miradoiro que hai sobre o mercado da Pedra e a pasarela que dá acceso ao centro comercial A Laxe e a Estación Marítima de Vigo.

Descargar o folleto en PDF: http://issuu.com/turismodevigo/docs/vigo_antiguo

Pistas e recomendacións: 

 O barrio histórico vigués está repleto de costas e escaleiras, pero sempre é posible atopar un itinerario alternativo accesible para as persoas con mobilidade reducida.

Galería de imaxes: 
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo

Información práctica

Distancia: 2 quilómetros.

Duración do percorrido: unha hora e media con paradas.

Dificultade: media-alta.

Tipo de ruta: circular.