ESTE SAN VALENTÍN REGALA VIGO
Mardi, 30 janvier 2024
Queres volver namorar? Vivir un San Valentín diferente? Aquí tes algunhas ideas para que gocedes dunha escapada inesquecible ao corazón das Rías Baixas.
Para animados: tapeo + marcha nocturna.
Se queredes pasar unha fin de semana máis movida, non dubidedes en achegarvos á zona histórica de Vigo. Alí atoparedes multitude de taperías nas que saborear os produtos típicos da nosa gastronomía. Pedide un desexo brindando con algún dos nosos licores e estaredes preparados para saír de marcha pola “cidade que nunca dorme.”
Para tensos: spa + terraza Skyline.
Non todo vai ser traballar. Vigo ofréceche spas urbanos nos que gozar de tratamentos en parella que vos deixarán como novos. E antes de ir durmir, un cocktail no bar – terraza Skyline do Gran Hotel Nagari ou Hotel Maroa faravos “tocar o ceo” mentres gozades dunhas incribles vistas sobre a cidade e a súa Ría.
Para bohemios: Museo do Mar de Galicia + Bouzas.
Nada mellor que unha visita ao Museo do Mar para comprender a estreita relación de Vigo co Átlantico. Non vos perdades o seu faro, lugar desde o que veredes outros faros, vellas fábricas, praias, barcos, xentes de mar.
Moi preto de alí, atoparedes o barrio mariñeiro de Bouzas. Perdédevos polas súas rúas, percorrede o seu paseo e, por suposto, non dubidedes en sentarvos nalgunha taberna tradicional e gozar da máis pura cociña mariñeira.
Para aventureiros: paseo en avioneta.
Necesitades liberar adrenalina? Sorprende á túa parella cun San Valentín de vertixe. Regálalle un amencer ou un atardecer sobre a Ría de Vigo desde unha avioneta. Se ademais vos gusta a fotografía, non esquezades a vosa cámara. Poucas veces poderedes inmortalizar paisaxes e momentos como este. Atrevédesvos?