Ruta do Monte Faro

Gaivotas, corvos mariños e impresionantes vistas

A ruta do monte Faro das Illas Cíes ofrece unha das vistas máis espectaculares da ría de Vigo. Esta é unha das rutas máis longas das illas e a máis popular. Unha vez en Cíes, a ruta parte da caseta de información polo camiño da esquerda (que nos leva á illa do Faro) e cruzamos o dique que une ambas as illas. Aí, se miramos cara ao lago e a visibilidade da auga o permite, podemos observar a gran variedade de peixes, crustáceos e algas.

Unha vez na illa do Faro, pasamos o cámping e chegamos ao Centro de Interpretación da Natureza. Alí podemos coñecer mellor os valores naturais e culturais do parque. A uns 300 m, á altura da praia de Nosa Señora, sitúase o cruce principal desta illa. Collemos o camiño da dereita e comezamos a subida en zigzag cara ao faro, ascenso desde o que contemplaremos a terceira illa do arquipélago, a de San Martiño.

A media subida da ruta de monte Faro, cara á dereita, está a curiosa Pedra da Campá, perforada polos ventos atlánticos cargados de salitre. Uns 100 m adiante está o observatorio de aves, desde o que contemplar as miles de gaivotas de patas amarelas que aniñan nos acantilados e incluso algún grupo de corvos mariños cristados que se decantan polas zonas máis próximas ao mar para establecer os seus niños. Tamén gozaremos dunhas impresionantes vistas do lago e da praia de Rodas.

De novo no camiño principal, continuamos a ascensión ata o cumio do monte. Arriba de todo atópase o faro, o miradoiro máis emblemático das illas Cíes. Desde alí teremos unha panorámica do arquipélago no seu conxunto: as tres illas, os acantilados, as praias e toda a ría de Vigo.

Desde esta ruta podemos conectar coa ruta do faro da Porta. Segundo imos baixando, atoparémonos, uns 200 m antes de chegar ao cruce que leva ao observatorio de aves, cun desvío cara á dereita que teremos que tomar para acceder a ese segundo faro.

Pistas e recomendacións: 

A zona alta da illa apenas ten árbores ou sombras, polo que en verán é recomendable protección contra o sol.

Galería de imaxes: 
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo

Información práctica

Distancia: 7 quilómetros.

Duración do percorrido: dúas horas e media.

Dificultade: media.

Tipo de ruta: non circular.