Festas populares

Se buscas unha festa popular, en Vigo custarache elixir, porque temos romarías e celebracións tradicionais en todos os barrios da cidade e en todas as épocas do ano. Se non es dun lugar costeiro, recomendámosche as celebracións mariñeiras, como a festa da Virxe do Carme, en xullo: é un auténtico espectáculo de devoción e tradición no que a figura da Virxe é transportada polos mariñeiros nos seus barcos ao longo da costa. E, se che encantan os fogos artificiais, non te perdas os das Festas de Bouzas, son os máis famosos do sur de Galicia.

Ademais, Vigo ten celebracións centenarias, como a Festa dos Maios, e dúas citas que non podes perderte: a Semana Grande de Vigo, en agosto, e A Reconquista, que durante varios días, converte o barrio histórico no Vigo de 1809.