Postas de sol en Vigo
Empeza a noite coa posta de sol
Empeza a noite coa posta de sol
Onde ver as mellores postas de sol de Vigo? Todas as postas de sol en Vigo son espectaculares: quedarás abraiado cando veas como o sol se afunde na ría lentamente, incendiándoa de vermello, laranxa e púrpura, coas Cíes no horizonte… Elixe un destes magníficos miradoiros sobre a ría e goza da mellor posta de sol en Vigo:
- Monte do Castro: sube ao punto máis alto do centro urbano. Desde o monumento aos galeóns de Rande, o Miradoiro ou na fortaleza podes esperar a caída do sol sobre a ría.
- Praias de Vigo: na Praia de Samil, O Vao, A Fontaíña… escolle a praia que queiras: en todas vas vivir un momento máxico cando comece a atardecer.
- Museo do Mar: o contorno do museo en Alcabre invita a sentarse nos poios de pedra para esperar a caída do sol mentres te arrola a brisa do mar.
- Paseo de Bouzas: nada se interpón entre ti e o atardecer sobre as Cíes desde o paseo litoral de Bouzas, xunto á praia do Adro. Logo podes tapear polos bares mariñeiros da zona.
- Rutas naturais e parques forestais: se che gusta a natureza, busca a túa ruta polos nosos montes, onde encontrarás vistas fabulosas da ría, como a Senda da Auga.