Parques forestais

Unha camiñada polos infinitos montes de Vigo

Vigo pon á túa disposición 705.460 m² de parques forestais para que deas renda solta ao aventureiro que levas dentro. Moitos son de propiedade comunal e, grazas ao esforzo colectivo dos veciños, conservan un ecosistema intacto, para que poidas gozar da súa fauna e flora autóctona, tan só coa túa mochila e ganas de camiñar ou, por exemplo, en bici de montaña.

Pero ademais de rutas naturais, atoparás zonas de recreo moi ben equipadas, onde poderás organizar unha comida ao aire libre coa túa familia ou os teus amigos, e facer un churrasco ou as típicas sardiñas asadas. A maior parte teñen vistas fabulosas sobre a ría de Vigo e están salpicados de fontes, ríos e regatos que che axudarán a facer máis agradable o camiño.

Para exploralos todos, o mellor é percorrer a Senda Panorámica de Vigo, indicada como GR53, que percorre 11 dos 12 parques forestais de Vigo.

Tamén dispós de información detallada acerca de todos os parques forestais de Vigo na páxina oficial do concello.