Vigo Naval
A cidade forxada en metal
A industria naval en Vigo é a marca máis característica da súa fisionomía. O perfil da cidade, desde o barrio de Teis a Beiramar —longa rúa que discorre pegada ao mar—, está marcado pola altura dos guindastres dos estaleiros, polo son do metal ao chocar, polas sereas que anuncian os cambios de quenda. É o Vigo naval, o Vigo máis real e máis poderoso. Son nomes que en Vigo significan algo: Barreras, Freire, Armón… Apelidos de familias que se instalaron na cidade hai dous séculos, que a fixeron despegar, e que hoxe son parte da nosa idiosincrasia.
Gran parte da historia naval de Vigo pódese descubrir na exposición permanente do Museo do Mar de Galicia, en Alcabre.
Beiramar non é unha rúa ideal para pasear, pero atoparás moitos vigueses que che dirán que é a súa rúa favorita da cidade. O motivo? Aquí é onde o Vigo de verdade respira, o Vigo que xurdiu do mar e que converteu a cidade na potencia naval que é hoxe. Ademais, paseando poderás achegarte ata o Auditorio Mar de Vigo, un fermoso edificio do arquitecto galego César Portela. Consulta a programación do Palacio de Congresos de Vigo para todo o ano.