Roteiro dos Pazos de Vigo
Pazo da Raposeira
A Casa d’A Raposeira, está catalogado como BIC e conta con tres corpos que configuran unha planta en U, destacando especialmente a súa torre do século XVIII que se erixe como punto de encontro. Executado totalmente en granito, a fachada principal, aberta ao norte, caracterízase pola súa sinxeleza. Conta cun gran escudo que exhibe as armas dos Castro e Araúxo. O pazo, pertencente ao Concello de Vigo, na actualidade está en proceso de reforma integral. Será destinado a uso social/ veciñal
Pazo de San Roque
Un dos pazos máis antigos de Vigo, construíuse a finais do século XVII, e durante anos viviu nel a familia Méndez de Sotomayor. Desde 1925 pertence á entidade bancaria Afundación. A construción conta con dúas plantas (semisótano e planta baixa) cunha superficie total de 640 m². Atópase no medio dunha gran leira amurallada na que hoxe existe un parque, aberto pal público. O parque urbano, con máis de 17 000 m², alberga importantes mostras do patrimonio artístico e cultural de Galicia xunto co pombal e a capela de San Roque, conformando un conxunto único.
Pazo da Pastora
O pazo da Pastora, tamén chamado pazo de Santhomé, chamouse antigamente Torre de Busteu e sábese que pertenceu como fortaleza avanzada a Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga e que unha teoría consistente que lanzou Alfonso Philippot identifica co propio Cristóbal Colón: Madruga, ou Colón, ten estatua á entrada, preto da capela, que tamén é cripta dalgúns dos que foron os seus últimos propietarios. Trátase dun palacete renacentista datado do século XVI. Trátase dun dos pazos máis antigos de Vigo. De feito, existe a hipótese de que a construción do pazo de Castrelos está inspirada por este casarón que, actualmente, non é visitable por ser de propiedade privada. Tanto a construción -rectangular con dúas torres a cada lado- como os xardíns do Pazo da Pastora presumen de ser Ben de Interese Cultural.
Pazo-Museo Quiñones de León
Desde a súa inauguración, en 1937, o museo municipal "Quiñones de León" é un espazo emblemático da cidade de Vigo. Nun grandioso pazo, casa típica da aristocracia galega, do século XVII e reformado no XIX; expóñense pezas de artes decorativas dos séculos XVIII, XIX e XX (mobiliario, cerámica, porcelana, miniaturas, pratería, reloxos, téxtiles, vidro, cristal etc.)/ etc.); procedentes de adquisicións e doazóns, principalmente de D. Policarpo Sanz.
Conta ademais co jardin histórico, que data de finais do século XIX , a realización do seu deseño foi ordenado polo Marqués de Alcedo e María dos Milagros Elduayen VIII marquesa de Valladares. A súa localización é adxacente ao pazo, sobre un terreo de labranza prominente, aínda que non o máis elevado de todo o predio.
O xardín palaciego chegado ata hoxe é o resultado da transformación da primitiva horta lindeira ao propio pazo, dando resposta a unha esixencia de mellora da calidade de vida e como signo dun chanzo social diferenciado. Os señores podíanse permitir o abandono produtivo dun pedazo de horta e darlle outro uso, servindo como ornamental e de goce.
A autoría do deseño e construción dos xardíns é descoñecida, con todo, cabe subliñar que, a influenza das correntes xardineiras vixentes nesa época na comarca de Vigo, non só era “portuguesa”, senón tamén, francesa e belga acreditado, este feito, polo asentamento de familias de longa tradición xardineira como os "Turc" e os "Philippot". No recinto axardinado pódense considerar cinco sectores ben diferenciados que facilitan o seu estudo e descrición: xardín de acceso, rosaleda, xardín francés, xardín inglés e bosquete.
O conxunto de pazo, museo e xardíns está declarado Ben de Interese Cultural, e goza da máxima protección que a lexislación española e galega outórganlle a un elemento do patrimonio cultural.