OLA, CONXEMAR

Turismo de Vigo

 

Viñeches a traballar e sabemos que tes pouco tempo para diversións, pero:

Goza das ostras:

Para que poidas probar o sabor do mar de Vigo, fresco, no seu punto e a un prezo xusto tes que degustar as famosas ostras de Vigo, que serven en plena rúa as “ostreiras”,  ábrenas para ti, no momento e con gran destreza, no seu ambiente típico e en perfecta maridaxe co albariño Rías Baixas, o Ribeiro novo ou a cana de cervexa.

Cata o marisco da ría:

Xa sabes que os meses con “R” no seu nome galego -a lingua propia de Galicia-, son os que marcan a mellor sazón do famoso marisco galego. Tralo verán chega, por fin, a súa abundancia e variedade. É o momento de probalo e ver como vén a tempada, que aínda vai mellorar máis co frío; pero agora é un pracer mariscar nas terrazas de Vigo, chupar as patiñas, raspar as cunchas, sopicar nelas, escarvar entre as celas a branca carne do mar... Mmmm!!! ¡É que non fai falta nin ter fame!

Navega ás Illas Cíes:

A viaxe en veleiro ata as Cíes é unha experiencia inesquecible, que permite gozar da extraordinaria paisaxe de ría e das súas resgardadas augas e, se amas as contornas paradisíacas e a biodiversidade dos santuarios naturais, é imprescindible que te achegues ao arquipélago vigués que conforma o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Coñecidas como Illas dos Deuses na antigüidade, non é de estrañar que nelas se atope a que xa se considera a mellor praia do mundo: Rodas.

Proba... e verás!!!

Etiquetas: