A Batalla de Rande
Os tesouros da ría de Vigo
A batalla de Rande é un dos fitos navais da nosa historia, e tamén a máis importante lenda da ría de Vigo. A batalla librouse o 23 de outubro de 1702 entre as coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa, durante a Guerra de Sucesión Española. Os galeóns españois chegaron á ría de Vigo cargados co maior tesouro que xamais cruzara o Atlántico: ouro e prata, xoias… E aquí é onde a lenda diverxe: unha asegura que os galeóns se refuxiaron en Vigo, onde foron atacados coa carga aínda no seu interior; outra afirma que os tesouros desembarcaran xa… Aínda que nunca se soubo onde.
O certo é que Jules Verne converteu ao Capitán Nemo no primeiro cazatesouros da ría de Vigo na súa novela 20.000 leguas de viaxe submarina. Desde entón ata hoxe, realizáronse centos de inmersións nas augas da ría de Vigo en busca do tesouro. Sen ir máis lonxe, en 2011 localizáronse e identificáronse 6 restos de naufraxios máis relacionados coa batalla.
Se non encontras o tesouro, sempre poderás subir ata O Castro e visitar o Monumento aos Galeóns de Rande, onde xacen as súas áncoras.