RECIBE AO VERÁN NAS ILLAS CÍES DE VIGO

Turismo de Vigo

En toda Galicia celebramos con rituais máxicos ancestrais a Noite de San Xoán, que sinala o comezo do verán e do triunfo da luz solar. O lume, a auga e as herbas aromáticas convértense en sortilexios da boa sorte para as colleitas que se aveciñan. Podes gozar das fogueiras e das sardiñas con pan de millo e viño tinto en todos os recunchos de Vigo.

Pero antes tes que subir ao faro das Cíes para ver a primeira posta de sol do verán no Atlántico e a chegada da noite máis curta. A baixa contaminación alumínica das Illas permitirache gozar da inmensidade do ceo nocturno en todo o seu esplendor. Como é unha noite tan breve, ás poucas horas, desde o Cámping das Illas Cíes, tamén verás amencer o primeiro raio do verán, que traza sobre as augas calmas da ría un camiño resplandecente. As fotos das Cíes capturadas con esa luz, difusa pero chea de forza, teñen tal maxia que deixarás aos teus amigos coa boca aberta!

O verán de 2025 no hemisferio norte comezará o 21 de xuño ás 04:42 horas (hora oficial peninsular), segundo os cálculos do Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Xeográfico Nacional - Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible). Esta estación terá unha duración aproximada de 93 días e 16 horas, e rematará o 22 de setembro, co comezo do outono.

O inicio do verán está definido polo instante no que a Terra pasa polo punto da súa órbita no que o Sol acada a súa máxima declinación norte. Nese momento, o Sol elévase á súa maior altura sobre o horizonte ao mediodía e describe no ceo o arco máis longo do ano. Como resultado, ese é o día con máis horas de luz solar.

Durante varios días arredor desta data, a altura máxima do Sol ao mediodía apenas varía, e por iso a este fenómeno chámaselle solsticio de verán (do latín solstitium, “Sol quieto”).

Etiquetas: