5 PLANS DE SEMANA SANTA EN VIGO

Turismo de Vigo

Un Vigo de mar:

Queres saber como unha pequena vila mariñeira se converteu na urbe máis grande e cosmopolita de Galicia? Convidámoste a coñecer a nosa historia a través das salas e vitrinas do Museo do Mar e do Museo da Industria Conserveira. Elas contaranche todos os segredos dun Vigo nacido e transformado polas súas augas.

Se queres empaparte da esencia dun auténtico barrio mariñeiro, achégate a Bouzas. As súas rúas empedradas, o seu porto e as súas xentes atraparante nada máis chegares. Pide unha tapa de sardiñas e proba un licor tradicional nalgunha das tabernas que hai na zona antiga ou no porto.

E, por suposto, non marches sen percorrer o Paseo dos Peixes mentres o sol se pon na ría de Vigo.

Un Vigo de natureza:

Un non sabe o que é gozar da natureza en estado puro ata que chega ás illas Cíes. Un lugar perfecto tanto para pasar o día en familia como para esquecer o mundo perdéndose nalgunha das súas marabillosas calas.

Podes chegar en transporte regular de viaxeiros ou alugando a túa propia embarcación. Se cadra, a algún dos arroaces que viven na nosa ría igual lle dá por escoltarte na túa viaxe ás illas... Tamén podes facer unha ruta de sendeirismo ou practicar o submarinismo entre paisaxes mariñas únicas.

Un Vigo de cultura:   

Desde impresionantes edificios modernistas ata xacementos arqueolóxicos, pasando por rúas empedradas, igrexas románicas, pazos señoriais, fortes defensivos ou incribles monumentos como o "Sireno".

E non hai mellor maneira de percorrer o Vigo máis monumental que perdéndose polas súas rúas. Vigo ofréceche diferentes posibilidades de rutas urbanas autoguiadas para descubrires a cidade dun xeito independente e adaptado ás túas necesidades.

Un Vigo de luxo:

Durmir nun pazo á beira do mar? Gozar nun spa no centro da cidade? En Vigo é posible

Tamén poderás sobrevoar a cidade en helicóptero ou en avioneta, navegar pola ría de Vigo nun coqueto veleiro ou facer un percorrido turístico viaxando en coche de alta gama.

E antes de volveres ao hotel, nos nosos restaurantes porán na túa mesa o mellor da gastronomía galega. Desde unha boa mariscada ata as nosas deliciosas carnes. Todo acompañado polos excelentes viños das Rías Baixas. Ti elixes.

Un Vigo de aventura:

Nada mellor para esquecer a rutina cotiá que liberar un chisco de adrenalina. En Vigo poderás vivir o deporte de aventura sen ter que saír da cidade. Practica o skate en Samil, atrévete co surf, pasa unha tarde de paintball cos rapaces ou fai un percorrido en quad coa túa parella.

E para recuperar forzas, unha ruta de tapas ou de viños polo barrio histórico da cidade: desde a praza da Constitución ata os arredores da concatedral, polos Cesteiros ou a rúa Real ata Teófilo Llorente...