VEN Á FESTA DO MARISCO DE VIGO

Turismo de Vigo

Festa do Marisco de Vigo

Do 27 ao 30 de agosto e do 3 ao 6 de setembro de 2026, Vigo celebra unha nova edición da Festa do Marisco, unha cita gastronómica que pon en valor a riqueza da ría de Vigo e a tradición mariñeira da cidade.

Durante oito xornadas, unha gran carpa gastronómica ofrecerá unha selección dalgúns dos produtos máis representativos da gastronomía galega, como zamburiñas, nécoras, lagosta, polbo á feira e empanadas, acompañados de viños con Denominación de Orixe. Todo isto con prezos populares e sen renunciar á calidade do produto galego.

A gastronomía compartirá protagonismo cunha ampla programación de actividades para todos os públicos. Concertos, actuacións de grupos folclóricos, obradoiros, xogos populares, contacontos, showcookings e espectáculos itinerantes encherán de ambiente o porto durante a celebración.

Unha oportunidade para gozar do sabor do mar e da tradición gastronómica galega nun dos espazos máis emblemáticos de Vigo.